Serrapio, sempre

SERRAPIO conseguiu producir no ámbito do simbólico un sentido transcendente que xa estaba na disposición natural do lugar. E transcendente significa aquí o que está alén do material e do empírico, na esfera do espiritual.

En primeiro termo polo brevidade do lugar, un outeiro sobre o río Lérez, no que tamén cabe visitar unha ponte lexendaria. En segundo termo, porque a ermida e a triada de cruceiros dispostos na parte superior que domina todo o entorno manifestan unha poética da elevación que vai moito máis alá da pedra para adentrarse no territorio dos conceptos e das palabras.

Eremus en latín significa deserto. De onde o noso ermo, ermida, ermitán, eremita… E o seu sentido é dobre: por unha banda, deserto, sen poboación, sen compañía; por outra, vougo, seco, improdutivo.

Así que Serrapio convoca á soidade, á elevación e á abstinencia. Misticismo barroco, si, mais todo o que contraría a aglomeración, a baixeza, o consumismo, a gula.

Serrapio é, sen pretendelo, un monumento contra o neoliberalismo destes tempos de consumidores masificados e vulgares, egoístas furtados á súa propia humanidade.