NON CHEGUES NUNCA

En 1915 Freud decidiu distinguir entre estímulos e pulsións. Tiña catro bos argumentos: primeiro, a pulsión non provén do exterior senón do mesmo interior do organismo; segundo, a pulsión é unha forza constante, a diferenza do estímulo que opera de xeito momentáneo; terceiro, a fuxida non ten utilidade para cancelar o seu efecto; cuarto, a pulsión só pode ser cancelada mediante a súa satisfacción.

O autocaravanismo non é un estímulo, é unha pulsión. 

Os estímulos teñen un obxecto preciso de satisfacción. A sede cúrase bebendo; a fame, comendo. O Eu é sempre o responsable da súa xestión. 

A pulsión, pola contra, é acéfala. Non ten suxeito. Satisfai sempre. Quen a sente non pode evitar ser feliz. 

O autocaravanista inclínase por rodar e rodar. E a única encomenda da que se sabe transmisor é esta: NON CHEGUES NUNCA. 

Cóntase que para filmar À bout de souffle, o seu filme de 1960, Jean Luc Godard non empregou guión. Era unha gravación pulsional, conducida pola felicidade implícita a estar rodando. Rodando, ademais, unha fuxida pulsional duns personaxes que percorren toda Francia, levados do afán de desprazarse. Non chegues nunca. 

Na imaxe-tempo deleuziana, xurdida logo da Segunda Guerra Mundial, ao xenio de Orson Welles (o plano-secuencia, a profundidade de campo…) aúnase o de Roberto Rossellini (a continxencia na realización…) e conduce a algúns dos grandes directores contemporáneos, debedores do azar, que sabían que “Un coup de dés jamais n’abolira le hasard” : Win Wenders, Agnés Varda, Chantal Akerman… a mostrárennos que cousa é a pulsión: o motor da continxencia na existencia.