OIKOS

Unha casa fechada. Aínda non abandonada nin sumida na ruína. Mais xa disposta para a última viaxe. Antes de que voen as tellas e comecen as pingueiras e quebren os cristais e cedan as portas. Antes de que as silvas comecen a medrar no interior e a natureza volva restaurar o seu imperio. 

As casas documentan unha forza para adentro, no sentido do refuxio e do acubillo. Hai na súa presenza unha humildade e un orgullo. A humildade de pertencer ao dominio dos tempos. O orgullo de mantérense en pé ocupando o seu espazo. 

Moitas casas constitúen a cidade. Mais a cidade documenta unha forza para fóra. E fúndase na rúa, na ágora e na praza. E é sempre contacto, discusión, elocuencia. 

Erguemos casas para refuxiarnos nelas e fundamos cidades para saírmos das casas e encontrármonos con outros tamén saídos das súas. 

A casa (oikos, de onde economía) e a cidade (polis, de onde política e policía) son contrarias desde o inicio. A casa (oikos) como organización primaria de bens e de servizos, fórmula histórica da familia que se fai empresa. O capitalismo, primeiro, e o neoliberalismo, agora, levaron determinadas casas-empresas a sobreporse á cidade (polis). A economía sobre a política. Unha política que derivou, sobre todo, en policía. Jacques Rancière distingue unha da outra. A política (lugar do teórico e da filosofía) e a policía (xestión dos intereses comúns dos habitantes da polis).  A súa precisión fainos ver o necesitados que estamos de política e o sobrados que estamos de policía. A policía (como mera xestión da polis) tende a negar a política e mesmo aspira a facerse pasar por ela. De tal xeito que a primeira demanda da Política é mudar o rumbo do continuo da dominación policial, dese engano macabro dos grandes e falsos e pésimos xestores