MORDEDURA LÍQUIDA

Unha poética da enunciación asentada sobre un obxecto: a Nai. Unha Nai maiúscula e abstracta que é, tamén, unha nai minúscula e determinada. E desa nai ob-xectada e ob-xectiva asoma un Eu como significante dun suxeito suxeitado pola enunciación. Un suxeito, pois, unha suxeita suxeitada pola enunciación. Unha enunciación que é un longo soliloquio sen cesuras, construído con versículos, unidades de distinta dimensión, que asoman como brochazos dunha enerxía interior que non procura o poema senón o discurso. De tal maneira que dente de leite, de Arancha Nogueira, non debe ser denominado poemario, que non o é, na miña opión, senón monólogo, unidade discursiva e ficcional, por máis que nese discurso haxa liñas en branco que suxiren pausas e silencios. 

Interésame que sexa unha poética do suxeito que emerxe desa enunciación sobre o obecto Nai e non un texto de individua cartesiana (ético moral e político social) porque esa é unha diferenza de raíz que ainda non foi debidamente analizada. No proceso histórico que vai do individuo cartesiano ao suxeito freudiano, pasando pola persoa kantiana e o derivado romântico do Eu, emerxe unha claridade que non debe ser obviada ao falarmos de literatura e moito menos de poesia. Digamos que a gran literatura está feita desde o suxeito e non desde o individuo. Desde un suxeito escindido entre o consciente e o inconsciente, entre o racional e o irracional, que se revela e se rebela desde a súa heterodoxia radical contra o carácter homoxéneo e ben pensante do individuo, falazmente integrado nunha única voz que a propia linguaxe nos desminte. Resulta evidente que por iso existe a filoloxía e a filosofía e a teoría literaria. Porque o sentido é local e epocal, histórico. E porque nin os autores nin os lectores chegan nunca ao significado dun texto, caso de este existir. E isto segue a ser un asunto de debate ao cuestionarmos o parentesco, fundacional na literatura galega, entre feminismo e social-realismo. 

Aquí asoma unha ficción erixida no contraste entre a presenza e a ausencia e no triángulo materno paterno filial. E unha castración derivada da insufiencia da linguaxe (mamá, houbo tantas cousas que non souben dicirche) e da comprensión do real como inefable. 

Desde o punto de visto discursivo hai unha aposta contra o verso, entendido como unidade métrica e rítmica, e unha escolla do conceptualismo, en contra da música verbal. E é esta quebra do plano discursivo, que aposta por non manifestarse, case no límite da anti-poesía, que incrementa o predominio do plano enunciativo, levando á invocación á nai e a referencialidade constante, ao tempo, ao espazo, aos personaxes e actores a tomar o control do peculiar do discurso. E esta referencialidade remite a un plano interior de lembranzas e rememoracións que se dan como certas, establecendo un conflito entre o evocado e a evocación como dous planos diferenciados da ficción que se constrúe, como se a autora estivese a falar unicamente para si, presincindindo dun lectorado suposto. 

Da beleza

O eterno conflito entre a orde e o caos, entre mesura e desmesura, entre vontade e continxencia.

E a beleza. A relación de todo isto coa beleza. A proporción, a sección áurea, a sucesión de Fibonacci, a regra dos dous terzos… O encadre, o plano, a escena, a secuencia. 

Hegel dixera aquilo de que o real é racional. De onde podemos seguir con que o real é numérico, o real é dixital, o real é virtual (?). O real sería así representación representable, re-presentación de… Un molde (só o molde) que se pode copiar e repetir fragmentariamente. Mais que, pola contra, é infinito, tanto no plano sincrónico como diacrónico, sintagmático como paradigmático. 

Velaí, digo eu, o cerne idealista da súa filosofía. A idea a verterse sobre o tempo para formar a Historia. A idea a verterse sobre o espazo para formar a Natureza. A Idea. 

Traio aquí esta imaxe porque entendo que esta praza e este templo e esta cúpula erixida son un fito no espazo dos humanos. Un exemplo da presenza do infinito no finito (a arte para Hegel).

Os delirios da elevación e do centro presentados como un obxecto conxunto. A fatiga de sermos un baleiro que precisa a cada pouco irse enchendo de linguaxe e construír novos sentidos, como goce e como exemplo de ilusión. 

Instancias do homo viator que ve e oe para poder mirar e escoitar. E aí, nese tránsito do simbólico para o imaxinario, engadir un sentido de si mesmo, saberse suxeito suxeitado pola enunciación, un eu con consistencia, unha corda á que enlearse, un cabo do que poder tirar, e non un pozo tan escuro e tan baleiro que nin sequera ten paredes ou fondo. 

Chega aos meus oídos unha vella canción do Fausto:

Eu, Rosie, eu se falasse eu dir-te-ia 

Que partout, everywhere, em toda a parte, 

A vida é égale, idêntica, the same, 

É sempre um esforço inútil, Um voo cego a nada.