Da beleza

O eterno conflito entre a orde e o caos, entre mesura e desmesura, entre vontade e continxencia.

E a beleza. A relación de todo isto coa beleza. A proporción, a sección áurea, a sucesión de Fibonacci, a regra dos dous terzos… O encadre, o plano, a escena, a secuencia. 

Hegel dixera aquilo de que o real é racional. De onde podemos seguir con que o real é numérico, o real é dixital, o real é virtual (?). O real sería así representación representable, re-presentación de… Un molde (só o molde) que se pode copiar e repetir fragmentariamente. Mais que, pola contra, é infinito, tanto no plano sincrónico como diacrónico, sintagmático como paradigmático. 

Velaí, digo eu, o cerne idealista da súa filosofía. A idea a verterse sobre o tempo para formar a Historia. A idea a verterse sobre o espazo para formar a Natureza. A Idea. 

Traio aquí esta imaxe porque entendo que esta praza e este templo e esta cúpula erixida son un fito no espazo dos humanos. Un exemplo da presenza do infinito no finito (a arte para Hegel).

Os delirios da elevación e do centro presentados como un obxecto conxunto. A fatiga de sermos un baleiro que precisa a cada pouco irse enchendo de linguaxe e construír novos sentidos, como goce e como exemplo de ilusión. 

Instancias do homo viator que ve e oe para poder mirar e escoitar. E aí, nese tránsito do simbólico para o imaxinario, engadir un sentido de si mesmo, saberse suxeito suxeitado pola enunciación, un eu con consistencia, unha corda á que enlearse, un cabo do que poder tirar, e non un pozo tan escuro e tan baleiro que nin sequera ten paredes ou fondo. 

Chega aos meus oídos unha vella canción do Fausto:

Eu, Rosie, eu se falasse eu dir-te-ia 

Que partout, everywhere, em toda a parte, 

A vida é égale, idêntica, the same, 

É sempre um esforço inútil, Um voo cego a nada.