Cando eu era moi pequeno cantábase unha canción sobre unha casa en Canadá. “Tenía una casita pequeñita en Canadá con un estanque y flores, las más londas que hay allá. Y todas las muchachas que pasaban por allí, decían que bonita la casita en Canadá”.
Nunca souben que significaba “londas”. Aínda a día de hoxe segue a ser un misterio para min. Agradezo aportacións.
A canción fora composta por Mario Panzeri e Vittorio Mascheroni e presentada ao Festival da Canción de San Remo en 1957, onde non pasou do cuarto posto. Cabe lembrar que ese ano o premio foi para “Corde della mia chitarra”, composta por Mario Ruccione e interpretada por Nunzio Gallo.
Eu nacín ao ano seguinte. E por todas partes escoitaba aquela peza da casiña en Canadá. Nas cociñas, nos lavadeiros, nos paseos, nos poucos aparellos de radio que empezaban a espallarse.
A canción popularizouna unha cantante denominada ELDER BARBER, natural de Córdoba, Arxentina, e nada no 1934, aínda que afincada en España en 1958. Vinte catro anos, daquela.
O seu nome real: Elda Perla Barbero. Seica desenvolveu unha breve e intensa vida de cantante, sempre facendo versións de temas italianos, e actriz de comedia española, até que, nos anos 60 e coa chegada do rock, a súa carreira languideceu definitivamente. Morreu en 1983 en Madrid con só 48 anos.
Esta casa da Serra do Cando, cos muíños eólicos ao fondo, recortados contra o ceu de principios de outono, podería ser, pola idade, unha casiña en Canadá.
Non o foi porque lle faltou a ilusión do capital desprazado por entón moi lonxe de Galicia e dos seus centros de poder (colonial) en Madrid. Como tamén o estivo da Arxentina de ELDER BARBER. Elda Perla Barbero.
