No seu Tratado Teolóxico Político, publicado anonimamente en 1670, e un dos libros máis esclarecedores e mesmo divertidos que se poidan ler, Bento d’Espinoza advertía que non hai medio máis eficaz para gobernar a masa que a superstición. E xa desde as primeiras páxinas asociaba relixión e política ou, mellor dito, falsa relixión e falsa política ou, dito con menos palabras, superstición e corrupción.
Para Baruch, ou Bieito ou Benedicto, a luz natural non só é desprezada polos homes senón que moitos a condenan como fonte de impiedade; as lucubracións humanas son tidas por ensinanzas divinas e a credulidade por fe; as controversias dos filósofos son debatidas con grande apaixonamento na Igrexa e na Corte e de aí nacen os odios máis crueis.
A ollada brillante e a grata locución, a retórica e o ton do S. XVII, converten a lectura da súa obra nun alivio para o entendemento, acostumados como estamos nestes outros tempos de manipulacións e falacias a lidar con discursos e relatos inauditos, interlocutores carentes de toda vergoña que axiña encontran eco e defensores, reflexo noutros discursos e avogados valedores dispostos a morrer por defender a mentira.
Bento defendía como goberno de Deus a concatenación das cousas naturais, unha vez probado que os regulamentos da natureza non eran outra cousa que os decretos eternos de Deus. Deus e Natureza. Seica Einstein dixo crer nese Deus de Espinosa, un Deus que se mostra a si mesmo a través da orde e a harmonía das leis universais, un Deus de intelecto participado pola mente humana.
Dicíamos que asociaba falsa relixión e falsa política ou, dito con menos palabras, superstición e corrupción. O certo é que nalgún momento fala, textualmente, de Superstición e Monarquía.
