A emoción de paisaxe. Ese momento en que o lugar se dirixe a nós e se presenta. A curva do camiño. A parada feliz do percurso. Despois da baixada e xusto antes da subida. E todo un artificio de paredes que se ergueron e formaron un fogar, o recanto da lareira, a quentura da casa. E dous canizos inmediatos, erguidos contra o ceo na parte superior. Depósitos de millo ou de castañas.
E un tempo borrallento, de outubro atormentado, seguindo a hipótese de Frye: comedia, romance, traxedia, sátira. Primavera, verán, outono, inverno. Xéneros literarios e estacións. Ambiente de elexía.
– Ai, miña querida, qué foi deste país, desta terra que amamos- exclama un personaxe do último filme de Terrence Malick. Unha aventura da mirada que relata a disidencia dun obxector austríaco durante a Segunda Guerra Mundial. O intimismo sentimental do director encamiñándose agora ao ético-político. Como sempre un concerto de planos secuencia.
E esta foto ten algo de plano secuencia como teñen polo xeral as panorámicas. Non son instantáneas. O momento en que a foto comeza a ser tirada pola esquerda é anterior á captación dos edificios centrais ou ao final da dereita. Por iso son coleccións de momentos seguidos, sucesións de instantes.
Así que, á súa maneira, fan verdade aquela teima do vello Tarkovsky: esculpir o tempo. A panorámica como escultura do tempo, como o plano-secuencia.
E algo no virar da cámara captura o movemento do edificio, dialoga con el, prende o seu devalo cara abaixo cando aínda é quen de enunciarse:
– Ai, miña querida, qué foi deste país, desta terra que amamos.
