Ninguén espere ver este cervo deste modo no lugar. Terían que darse unhas condicións lumínicas moi precisas, difíciles de conseguir in situ. A imaxe é produto dunha foto, revelada seguindo un certo protocolo para acentuar os contrastes e as fendas, os sulcos debuxados polo cuarzo no granito. E o resultado fai que o sentido do visible resulte máis fácil de lograr.
Estamos na Laxe dos Carballos no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, unha das maiores alfaias da arte de hai catro mil anos de toda a cornixa atlántica europea. O que vemos é un cervo hastado con seis lanzas cravadas no seu lombo e unha corda que anoa o seu pescozo.
A primeira interrogación é sobre a natureza desta arte. Realista ou simbolista. Documento ou desexo. Herdamos un modelo cultural que tende a ver toda representación plástica como un apuntamento dunha realidade inmediata. A nosa fantasía lévanos, daquela, a imaxinar un territorio infestado de veados que serían cazados a centos polos selvaxes poboadores. Querendo xustificar o realismo da peza tecemos unha realidade fabulosa que outros datos desmenten. A tese realista leva, así, a unha conclusión fantástica. Sabemos o que comían estes nosos devanceiros hai miles de anos e nada parece soster que fose veado a diario.
Se o gravado na rocha é, pola contra, a plasmación dun desexo, deberíamos preguntarnos por que a caza dun veado e non, poñemos por caso, a matanza dun porco, unha recollida de castañas ou unha batida polas praias á procura de ameixas ou marisco.
Digamos, daquela, que o cervo hastado xa era un símbolo para estes nosos antecesores que debían encontrar na súa representación algo moi semellante ás fotografías de matos espesísimos que adornan na actualidade moitas consultas sanitarias.
Vuélvete, paloma,
Que el ciervo vulnerado,
Por el otero asoma
Al aire de tu vuelo y fresco toma
dicía a célebre apóstrofe de Juan de Yepes y Álvarez glosando o Cántico dos Cánticos da Biblia. Antes Pero Meogo escribira un relato versificado en sete coñecidas escenas que algúns sospeitamos antecedente da obra de Yepes, aínda que nos sigan a faltar probas. O “ciervo vulnerado” de Yepes é, claramente, o “cervo ferido” de Meogo.
