A filla

Hai certa unanimidade na crítica galega e portuguesa ao considerar o poema rosaliano “Adeus, ríos; adeus, fontes” o fluído orixinal do que nace o saudosismo: movemento literario internacional que acollen todas as literaturas de lingua galaico-portuguesa. 

No celebérrimo lamento, a voz dun emigrante masculino, que os lectores non letrados confonden coa propia voz de Rosalía, vai enumerando os elementos salientables da paisaxe natal, os ríos, as fontes, os regatos pequenos, a vista dos seus ollos, os prados, as arboredas… e fai da súa presenza e da súa nominación unha nostalxia. 

Moitas décadas máis tarde Jorge Luís Borges publicou no seu poemario La Cifra un texto titulado “Nostalgia del presente” no que dous amantes que miran xuntos o mar en Islandia lamentan a distancia que lles impide mirar xuntos o mar en Islandia. 

Nos dous casos, Rosalía e Borges, os personaxes proceden igual, compórtanse do mesmo xeito: separan o seu tempo espiritual, o tempo imaxinario da súa evocación poética, do seu tempo físico real. Adiántanse, antecípanse ao que saben que vai ocorrer e, ao facelo, experimentan o presente como pasado e, paradoxalmente, tamén como futuro. De tal xeito que o seu Chronos, deus do tempo mensurable, se retira, para deixarlle o lugar a Aión, deus da eternidade, e a Kairós, deus da ocasión. 

Calquera viaxeiro na actualidade por Grecia comprobará que as paradas dos autocares seguen a chamarse éxtase. De maneira que as persoas transeúntes agardan en éxtase polo vehículo que as conducirá a outro lugar. 

A éxtase é, por tanto, a parada, a detención no percorrido, e no percorrido do tempo, esa fusión paradoxal do pasado e do futuro dentro do presente. E nese tempo, imposible en termos físicos mais experimentable como emoción, nace a saudade. 

Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro tentaron nos anos cincuenta achegar o concepto de saudade á angst heideggeriana e á angustia existencialista. Esa soidade ontolóxica do humano que percibe o seu vacío e a súa exección na historia. 

A saudade como filla de Aión e de Kairós.