Do bater do corazón

É difícil describir a emoción que suscitou en moitas xeracións, entre elas a miña, a cidade de Venecia. En primeiro lugar destacaría o seu carácter de centro irradiador, o feito de ter sido capital dun mundo que se esparexía, mar abaixo, até Grecia e Turquía, á procura dos camiños de oriente, onde todo o que chegaba era recibido con agrado e interese e, aínda máis, o pertencer despois como saída ao mundo ao Imperio Austro-húngaro, nos albores do século pasado e ser testemuña principal do falecer dos vellos poderíos, das prístinas potencias. 

Un amigo veneciano, eximio cociñeiro, que me albergou na súa casa varios días hai xa corenta anos, dicía, con moita retranca, que no S. XVII o noventa por cento das mulleres de Venecia estaban prostituídas. “Así que temos moi claro cal foi a nosa estirpe”. 

De tal xeito que a cidade combina nun só sentimento unha mestura de admiración e de piedade. Admiración polo seu pasado lendario e glorioso, piedade pola súa condición mortecina e decadente. 

Por outra parte, o peculiar do seu formato urbano, construído sobre o delta dun río a base de ir unindo unha chea de illas, outórgalle unha singularidade morfolóxica de partida. 

Joseph Brodski, que nacera en Leningrado, outra reunión de illas no delta dun río, estableceu coa cidade unha relación case patolóxica. O seu libro sobre Venecia, pura delicatessen. 

Xa non sei cantas veces teño estado. Entendo que anda pola decena. Visitas fulminantes e breves combinadas con outras de moitos días ou semanas. En soidade, en parella, con fillos. Venecia foi sempre unha tentación e un destino. 

Lembro a primeira vez que cheguei. O vaporetto que avanzaba polo Gran Canal camiño de San Marcos e o desembarque na praza mentres soaba unha música barroca. Non por tópico menos real e emocionante. Teño durmido en casas particulares, en hoteis, en pensións, en autocaravana, no pórtico da estación de ferrocarril envolto nun saco, como era preceptivo para a miña xeración nos tempos errabundos do final do hippismo. 

Por máis que se debuxe sobre os mapas do mundo Venecia só pertence ao bater do corazón.