A palabra bolsa vén do latín bursa (de onde bursátil) e esta do grego byrsa, que significaba pel curtida, pel de touro, coiro.
Estrabón, na súa Xeografía, empregou esta palabra para representar a Iberia, da que dixo que era unha pel de touro, extendida cos membros dianteiros en dirección leste.
Salvador Espriu i Castelló, un poeta xa clásico en lingua catalá, foi autor dun poemario, titulado Pell de Brau, Pel de Touro, en alusión á metáfora que o xeógrafo grego empregara para nominar a península que nos contén e da que non podemos aillarnos.
Esta mesma palabra, bolsa, designa a medición dos intereses e esperanzas das empresas e sectores económicos, esa magnitude que nun arrebato fai que un particular ou unha compañía vexa diminuído ou aumentado en centos ou en miles de millóns o seu prezo, o seu custo.
Espriu debuxou no seu poemario unha alegoría crítica da España de posguerra e da súa intransinxencia coas nacións distintas que a compoñen. Chámaa Sepharad para aludir á patria perdida dos xudeus sefardies, expulsados polos Reis Católicos. A bolsa, a pell de brau que contén a Sinera, a Sepharad, a Euskadi, a Portugal, a Galicia, é agora aquela mesma na que oscila o carácter espectral que Marx lle outorgaba á mercadoría, o espírito do mercado que alenta no falso materialismo do neoliberalismo. A alma do réxime.
Prender a alguén por ser independentista é un delito. Ser independentista, sempre un dereito.
