Esta ponte construída por Eiffel en Viana do Castelo é unha das xoias máis fermosas da nosa contorna. Encamiña unha estrada para o tráfico rodado na parte superior e outra para o camiño de ferro na inferior. Empeza a resultar un tanto estreita para os novos modelos de turismo mais ten a compañía doutra ponte máis arriba, pola que caben todo tipo de vehículos, que conduce a autoestrada cara ao sur.
Une os concellos (as cámaras municipais) de Viana e Darque, separados polo río Lima, o mesmo que en Xinzo é chamado Limia. Un río que xunto co Miño podería ser declarado construtor das Rías Ínfimas, esas que fican por debaixo das Rías Baixas.
É frecuente encontrala sumida na néboa do río, sobre todo nas mañás, o que acrecenta aínda máis a súa beleza modernista. Seguindo o curso do río na ribeira sur, encóntranse carpinteiros artesáns a construíren novas naos de madeira.
Visito con frecuencia este lugar. Durante anos, aí aparcado, teño contemplado o fluír das augas desde o interior da caravana. E lido moitas páxinas. E escoitado moita música.
É unha forma de vivir. De sentir como escorren as décadas.
Non sei por que, sinto certo pudor de contar isto. Como se estivese a confesar un segredo, a resolver un enigma que a prudencia aconsellaría reservar.
E teño estado tantas horas camiñando polas beiras deste río, a do norte e a do sur, que esta imaxe conxelada, de augas xélidas e umbrías a reflectir a estrutura da ponte, condúceme sen cesar a outros momentos e estira os músculos cansados da evocación.
Porque esta ponte o que reúne, o que liga no seu voo, son fragmentos de min, retallos doutras fotos e outros días.
