Carrusel

Esta foto de aparencia antiga foi tomada hai menos dun ano. É consecuencia e resposta, ao tempo que testemuña, das obras iniciadas polo Concello de Vigo, seguindo directrices do seu alcalde, para alterar a disposición do mobiliario urbano presente na Praza de Compostela, engandindo un sen fin de novos elementos até chegar ao total abigarramento. 

O xardín romántico do centro de Vigo, xoia do seu crecemento e ensanche nos finais do XIX, mostra do refinamento e a cultura da cidade naquel tempo, convertido nun parque de feiras no que unha estrutura de madeira ocupando o paseo central deu cabida a un conxunto numeroso de negocios de hostelería, previo pago dunha cantidade non pequena polos dereito do espazo. Un espazo cidadán, propiedade de todos, seica subcontratado a unha empresa privada sen o concello obter beneficio pola concesión, convertendo o público en xeral en potencial cliente do singular negocio. 

Malia todas as protestas e comentarios unha total opacidade rodeou a operación. O conxunto culminaba, como é ben sabido, cunha enorme noria, disposta na mesma beira de edificios de vivendas sen se daren unhas mínimas condicións de seguridade, alterando as rutinas diarias de moitas rúas circundantes. 

Este réxime neoliberal, que ten no alcalde un dos seus baluartes, fixo propia as consignas do goce sen mesura, do sempre é tarde para disfrutar e do mentres o corpo aguante, enchéndoas de sentido político. Ou sexa, gastar sen mesura, sempre é tarde para consumir, mentres a carteira aguante. E non hai razóns, nin éticas nin culturais, nin sanitarias, que o poidan desviar dese camiño. Deixaremos de ser humanos para sermos máquinas de gozar consumindo, para proveito do capital, único suxeito verdadeiro, aínda que espectral, deste proxecto de vontade. E o carrusel seguirá a virar no sentido único da obtención de beneficios.