O carácter espectral da fotografía e a súa necesaria referencia ao pasado sitúa esta arte no territorio do Outro e do inconsciente.
Se, por unha banda, a imaxe é o nada do obxecto, unha marca que certifica a privación do obxecto, a súa carencia; por outra banda, a fotografía sendo xa a ausencia do obxecto, é unha falta definitiva que nos deixa un trazo fantasmal como pegada. Un espectro bañado de certeza, unha visión ataviada de realidade, unha forma novidosa de alucinación, falsa para a percepción, verdadeira para o tempo. Por unha banda, xa non está aí; por outra, tivo lugar, efectivamente. Ausencia e trazo de presenza. Falsidade e certeza.
Barthes comprendeu que había unha especie de vínculo entre a fotografía, a loucura e a piedade, termo este último que elixe polo seu eco estrafalariamente anticuado.
Contra o “éche o que hai”, como forma conclusiva do galego coloquial, un “éche o que xa non hai”, como correlato paradoxal e enlouquecido. Unha fotografía éche, sempre, o que xa non hai.
Teño ligado esta piedade barthesiana á desesperanza. Como se na enunciación de toda foto houbese unha especie de preámbulo que rezase: “Nada debes de esperar. / Somos cinza de ruína”. Mais, ao mesmo tempo, a foto en tanto que obxecto, desvinculada daquilo do que é representación, postúlase como nova no plano do real.
Na obra dese grande artista que foi Orson Welles, e dentro do filme Touch of Evil, Sede de mal, Toque de maldade, existe unha escena prodixiosa que acariña, en imaxes plenamente contemporáneas, a traxedia grega, a psicanálise, a filosofía, sen deixar de ser por iso unha escena dun moderno filme de intriga.
Hank Quinlan, o corrupto xefe da policía americana, interpretado por Welles, diríxese a Tanya, unha cigana misteriosa, que procura entender o inexplicable por medio dunha baralla de cartas, interpretada por Marlene Dietrich:
– What’s my fortune? … Come on, read my future for me – dille el -. Cal é a miña sorte. Veña, leme o futuro.
– You haven’t got any – contesta ela-. Non tes ningún.
– What do you mean? – pregunta el-. Que queres dicir?
– Your future is all used up – sentencia ela-. O teu futuro esgotouse.
De que estaba a falar Orson Welles, o guionista, intérprete e director deste filme, nunha escena que é como a Capela Sixtina da cinematografía.
Regreso ao preámbulo de toda foto: “Nada debes de esperar. / Somos cinza de ruína”.
