Brinde

A beleza da ruína  non está no que morreu

Senón no que (ás veces, nada) permanece. 

Hai, por tanto, a progresión, 

Desde ese nada até o infinito,

Daquilo que venceu o tempo,

Ese falsario, ese inimigo. 

O encanto da ruína é, daquela, o primor do triunfo,

A fermosura da vitoria,

Un deleite arrincado ao percurso das horas,

Ao combate violentísimo da trincheira das idades.

Quen detén a súa mirada para ollar unha ruína

E procura algún sentido aos túmulos das cousas

Coñece os cinerarios que o tempo nos regala

E sabe distinguir as cinzas das brasas,

E as brasas dos cascallos. 

Quen prolonga a súa mirada polos restos do que foi

Entende a xerarquía das rodas en que viran

As fases, os períodos, as etapas. 

Nunca deixes de gabar

As formas do fracaso e da desfeita,

Esas pinturas na parede que asistiron ao desastre,

Ese ferro atormentado que non puido sepultar

Nin o vento da sazón,

Nin o compás do porvir,

Nin a harmonía da historia. 

Presenta os teus respectos á ruína

E brinda porque ti sexas distinta.