Seguimos perdendo

Sabucedo. Terra de Montes. 2017. Rapa das bestas. Un home baixa a cabalo desde o alto pouco antes da enxurrada de equinos, reunida nas horas precedentes e que serán marcados pola tarde. 

O cabalo, o chaleco e o sombreiro dan conta dun arquetipo, unha imaxe repetida até a saciedade polos filmes do oeste americano. A disposición do corpo do cabaleiro, lixeiramente inclinado cara á dereita, a cabeza e a ollada, levemente abaixadas, a sombra que lle oculta o rostro e a parte superior do peito, remiten a un heroe meditativo. 

Hai unha épica reflexiva sobre unha paisaxe estragada. Nin rastro de árbores autóctonas. Só silvas e eucaliptos e un camiño disposto polas máquinas de rozar o monte e que se emprega como cortalumes. Estamos en guerra, parece dicirnos. Aínda que seguimos perdendo. 

John Ford, un irlandés xenial emigrado aos Estados Unidos, namorou desta imaxe e dedicou centos de minutos dos seus filmes a tentar desentrañar o seu sentido. Unha obra cinematográfica construída entre un porvir americano e a melancolía da patria abandonada. Os seus heroes mal poden sobreporse aos embates do destino afogando a lembranza entre grolos de malta. Por moito que sigamos cara ao oeste, veñen aclarar, xamais encontraremos Irlanda. 

Unha vez na embaixada americana en Madrid, mentres agardaba na sala de espera para solicitar un visado de traballo, coñecín a dous homes moi curiosos. Eles ollaban para min, convencidos de que eu era americano. E eu miraba para eles coa certeza de que as súas puchas de beisbol e as súas camisas de flanela a cadros eran signos inequívocos da súa ascendencia trasatlántica. 

Ningún de nós falaba por non sabermos que idioma empregar. Pasados uns minutos, un deles díxolle ao outro, moi baixiño, como se temese ser escoitado:

– E logho reghaches a horta?

Deseguida púxenme a falar en galego con eles e fixemos amizade. Mais só foi unha maneira de entender que seguimos perdendo.