Fotosofía

Precisamos acougar a tensión entre as palabras e as imaxes.

A acusación de idolatría, de inversión do papel das imaxes entre humanos, que xa non as producen para abrir camiños no mundo senón para crear un mundo sepultado nas imaxes, reflexo especular e alucinado. E a acusación de textolatría, de inversión do papel dos textos, supostamente cargados de verdade.

Se a idolatría converte a imaxinación en alucinación, a textolatría converte o imaxinario amañecido dos textos noutra alucinación non menor. 

No fondo, como dicía Vilem Flusser, o combate entre a conciencia histórica, xurdida dos textos como depósito da historia, e a conciencia máxica, ilusión dun regreso eterno onde todo se repite pleno de significado. A fidelidade cristiá aos textos contra a idolatría pagá. Cristianismo contra paganismo. 

Precisamos restablecer a relación entre os textos e as imaxes. Retomar a vella fórmula retórica: a ÉCFRASE, nun mundo onde os textos con cada vez máis imaxinativos e as imaxes, cada vez máis conceptuais. 

Velaí o contexto onde aparece o concepto: FOTOSOFÍA. Unha palabra xurdida do encontro entre Fotografía e Filosofía. E a súa irmá pobre ou menor: a Filografía. 

Teño definido a Filografía como o amor contemporáneo pola representación, esa teima de facérmonos fotos a cada pouco, como se quixésemos asegurarnos unha e outra vez da nosa integridade. Ese narcisismo primario da selfie que tenta restablecer o goce de sentido que está no mesmo cerne do Eu. Ese momento en que o Eu é un reflexo no espello que nos devolve un semblante e nos delimita. 

A FOTOSOFÍA, pola contra, é o saber da luz, un saber que precisa da palabra para dilatarse e manifestarse. 

A Filografía aínda non entendeu o que é mirar e funciona como unha visión compulsiva. A FOTOSOFÍA é a semiótica da ollada.