Estes hórreos, ou canizos ou canastros ou palleiros ou cabaceiros ou celeiros ou espigueiros ou piornos, constitúen xa unha reliquia. A foto está tomada no interior de Portugal nunha aldea de montaña, nunha desas rotas de interese cultural e etnográfico que seguimos catro gatos, normalmente franceses e alemáns. Recomendo percorrela sen frío e sen chuvia partindo de Melgaço en dirección ao Xurés e ir parando a cada pouco no camiño porque está chea de fitos de interese.
Son terras aínda vivas, que manteñen poboación traballadora, mesmo con forte emigración cara a Europa. E hai cultivos e viñedos, animais para o traballo e o transporte, a nutrición e a vixilancia. E aves, paxariños, aires puros e regatos. Un deleite para a vida e os sentidos.
Existe unha certa confusión na teoría do noso tempo ao analizar dúas polarizacións semánticas de evidente interese. A primeira: tradición – modernidade. A segunda: natureza – progreso. Téndese a considerar a tradición ligada á natureza. E a modernidade ligada ao progreso. E non reparamos en que, dentro dese cadro semiótico resultante, hai outras dúas opcións de sentido posibles. E tanto cabe unha modernidade ligada á natureza como un progreso ligado á tradición. Unha natureza, necesariamente, comprendida como histórica. Unha tradición como constructo epocal e en movemento.
A aposta por este concilio de aparentes pares antagónicos é, a día de hoxe, un síntoma de cultura e de asunción da propia historia, tal e como testemuña o mundo rural fracés ou de Centro Europa que aspira, non sen contradicións, a incluír o que fomos dentro do que somos ou aspiramos a ser.
Verter sobre o pasado e as súas marcas, tal e como se fai en Galicia, unha mensaxe de dor é converter esas marcas en feridas perennes, chagas que non dan curado e non asoman a unha redención posible. Mentres se mantén a discriminación dos mortos na Guerra Civil, en numerosas lápidas e placas conmemorativas.
A maldición deitada sobre o mundo rural galego, abandonado á súa agonía e consunción, é máis o síntoma dunha forclusión (esquecemento traumático e patolóxico) que dun desleixo natural no paso do tempo, acompañado de reparacións e coidados. Velaí unha bomba que rematará por estoupar nos fuciños de quen a manipula.
