CANTO
O humano é só unha chaga sobre a pel da natureza,
Unha voz que verte luces de palabras desde a elipse,
Un espectro que camiña entre as sombras das cámaras,
Celebrando nos palacios dos espellos do desexo.
Eu regreso algunhas tardes coa carreta de varrer
a limpar o que deixaron no tumulto
e recollo os desperdicios, as materias,
os refugos e os cascallos,
mentres canto as melodías que por dentro se me ocorren.
Humano quen partindo da tristeza do animal encarcerado
Abre a caixa das cancións e establece as xerarquías
Do vento a esparexer residuos, varreduras.
E, así como no tempo hai días e semanas
E tardes que se perden furando no horizonte un túnel de harmonía,
Tamén na miña vida hai séculos que duran,
Mañás que precipitan as horas nos reloxos,
Semanas que recollen por botar a cantar.
Son humano e levo dentro a semente do son.
Non preciso máis que uns poucos silandeiros segundos
Para ver de aproveitar esa brisa que amañece
Polo fondo do peito a premerme no ventre.
O humano é só unha chaga sobre a pel da natureza.
Unha dor que verte cantos.
