A duplicidade existente no verbo haber ha/hai, tanto no galego como no castelán, aínda que non no portugués, resulta ao meu ver moi interesante e significativa. Ese i final procede do latín ibi, un adverbio de lugar que podería traducirse como aí ou alí. Trátase do mesmo i que queda no “Il’y a” do francés, grafado dun xeito diferente.
De maneira que fronte ao “ha” que aparece nas perífrases verbais ou se engade como morfema no futuro (ha chegar, chegar ha, chegará) o “hai” implica sempre unha presenza. Hai algo que está presente, que forma parte dun lugar no presente. Espazo e tempo comparecen por medio dese i engadido que permite, desde moito antes de Einstein, situar un obxecto tanto no espazo (hai libros) como no tempo (hai anos).
Cando Martín Heidegger iniciou a súa aventura filosófica ideou unha palabra, Dasein, que resumía a súa concepción do humano. Ese “da” (aí) “sein” (ser). O humano tería un modo de ser determinado que sería sempre Dasein, ser aí, evidenciando deste xeito a súa historicidade e a súa continxencia. Localidade e epocalidade formando parte do concepto da existencia. A pregunta polo ser (Sein) que propón como horizonte precisaría un tipo de ente que puidese acometela. E ese ente sería o Dasein.
O meu admirado Camilo González Suárez-Llanos, filósofo e escritor, desenvolveu un tipo de narrativa moi especial que ten sempre personaxes de aventura filosófica envoltos en tramas de natureza tamén filosófica, aínda que admitan outras lecturas máis convencionais. O pensamento conducía a Camilo á novela en lugar do ensaio. A marabilla da súa obra radica precisamente aí.
O xenial Ludwig Wittsgenstein, ao que os seus compañeiros de estudos chamaban o deus, sendo como era un home moi humilde mais de condicións intelectuais impresionantes, deixou un aforismo no seu Tractatus que sempre me resultou extraordinario: “Non cómo é o mundo, senón que o mundo sexa, iso é o místico”.
Éche o que hai– comenta unha amizade que encontro pola rúa.
