Un home de palabra

O branco nupcial e os ornatos de flores teñen desde sempre para min un sentido transcendente. Hai algo nesa cor impoluta, preservada de toda mácula, que vai alén das acepcións recorrentes de pureza, virxinidade. O mesmo acontece coas flores, expresión dunha forza sideral vinculada ao devir, ao tempo como enchente e como exceso, plétora da existencia. 

Miguel pasou co camión facendo soar as súas buguinas. Toda a rúa interrompeu a actividade, tentando comprender que acontecía. O vehículo non levaba remolque, ningún engadido sen motor que debese ser arrastrado, proba dunha primeira liberación significativa: o traballo. 

As fitas de gasa transparente ondeaban co movemento, en contraste co renxer do motor, sinfonía de solidez e de vigor, de resistencia e de vitalidade. E eran como bandeiras de Ningures, esa patria do idilio que nunca damos encontrado. O rumbo, a dirección que seguise debía ser prometedora. Porque unha promesa é xa algo dado, algo do que se nos ofrece un anticipo. Unha promesa é unha entrega que se realiza no simbólico, na palabra, e se produce só no imaxinario. 

Miguel e a súa esposa están xa a cumprir unha promesa. Converten en real algo que só estaba no simbólico e no imaxinario. E esa é a madeira que alimenta o lume do seu xúbilo. 

Quen promete, de pro-mittere (pro-antes e mittere-enviar), leva con antelación, fai unha provisión de fondos que obriga a cumprir, asegura cumprir empeñando a súa palabra. 

Moita xente pregunta por que voda se escribe, en galego e en portugués, con v. A resposta é moi simple: porque provén do latín vota, o plural de votum. O voto é, por tanto, un xuramento, unha promesa, o vínculo de quen promete co prometido. 

Cando un xuramento, un voto, se incumpre, prodúcese a profanación, a corrupción. 

Dicía Marx, falando sobre a España do XIX, que a forma de goberno era a corrupción. E aí seguimos. Con políticos e partidos corrompidos que incumpriron até agora as súas promesas. Alá vai Miguel co seu camión, coas fitas brancas da voda, a entregar, no plano do real, o prometido. Velaí un home de palabra