A ollada na paisaxe

É un camiño no interior que conduce cara ao alto. A néboa que se espalla activa a intuición. Sabemos e non sabemos. Sabemos que non sabemos. A mirada desconfía do que ve. Os carballos na dereita saúdannos gloriosos. A alfombra da follaxe abranda cada paso. Seguimos a derrota en sentido contrario. Cada banzo, cada degrao, o ceo é máis azul. E o neboeiro perde opacidade. Unha parruma húmida e fría que o sol vai levantando segundo avanza a mañá. Segundo avanzamos cara ao alto da mañá. 

Sempre que veño pasear por estas carballeiras da Terra de Montes sinto a tentación de quedar. Somos camiñantes que escaparon da noite e emprenderon, ascendentes, a fuxida, viaxeiros dunha anábase sen fin. E medito sobre a unión da Idea co Tempo. 

A Idea casou co Tempo e enxendrou a Historia. Logo namorou do Espazo e concibiu a Natureza. Historia e Natureza, irmás inseparables, tiveron en adopción unha filla predilecta que chamaron Paisaxe. E sempre hai discusión sobre cal foi o maior dos seus herdos. Se Historia ou Natureza. 

A Paisaxe como eco e como reflexo da Historia.

A Paisaxe como rumor e refracción da Natureza.

Sigo andando cara ao alto até o lugar en que a terra xa enchoupada non permite camiñar. Teño a sensación de pertencer, como se nalgún punto xa esquecido dunha estraña memoria gardase algún trazo destas sendas. E fose o seu mandato quen me obrigase a regresar. Os humanos precisamos abrazar a Natureza, fuxitivos das vinganzas da noite da Historia. Mais non podemos obviar que fomos exectados sobre esta. A Natureza en sincronía fronte á diacronía da Historia. A terra que só acolle cadáveres porque os mortos e os  vivos xacen sobre a Historia. Os expulsados do paraíso. O malestar na cultura, dicía Freud. O malestar na Historia. Ese non-lugar do exilio.