Non creo que haxa un punto de comezo. Penso, máis ben, que foi propio da época, desas ideas que amañecen en moitos sitios á vez, non como unha pebida sementada que dá lugar a unha planta ou a unha árbore senón como un rizoma, un múltiplo de raíz, unha potencia de vida.
Nun momento toda Europa amañeceu arboreada ao xeito romántico e houbo un total consenso en entregarlles o mellor dos espazos ao paseo e á distensión como forma de mediar os praceres da existencia. Non convén idealizar, porque a historia non certifica certas conclusións que puidésemos traer aquí, mais o certo é que a día de hoxe, ante a actual cobiza sen fin do capital e os intereses urbanísticos, parécenos incrible que aquelas sociedades puidesen dispór tamaños terreos en proveito da comunidade. Mais aí están. Parques e xardíns, paseos e alamedas que forman parte do patrimonio herdado e que debemos preservar.
Coñecidas son as tentacións arboricidas dos nosos gobernantes. Agora que os tribunais concluíron que é preferible o beneficio económico da produción forestal do eucalipto ao coidado e mantenemento dos nosos bosques ancestrais acéndese unha luz vermella que nos avisa do mundo que nos espera.
Esa luxuria de ouropel e cartón pedra e luces led que se impón como o “sentido común” da falta de criterio e da incultura. Ese goberno para a chusma e a televisión, multitudes extasiadas polo sublime tecnolóxico da nosa capacidade científico-técnica, esa política de estadio e de partido de fútbol, de ideoloxía malévola e oculta en grandes titulares e repetidas consignas de prensa.
Ese mundo, no fondo goebbelsiano, de confusións interesadas e sobrentendidas que se administran de inmediato, e que sitúan sempre ao pillabán por enriba do intelixente e a ambos por enriba do sabio. Ese mundo de novos sofistas e expertos en marketing e comunicación tirando proveito do nihilismo, guías de masas extraviadas, os führer, os duces e os caudillos do prime-time.
Deberemos defender o que nos queda atentos e sen pausa. Devolvendo cada golpe. Denunciando cada ofensa.
