Arte e realidade

Un dos asertos máis singulares de Nietzsche é aquel no que proclamaba que “se a arte e a realidade non concordan entre si tanto peor para a realidade”.

Isto tanto vale para a fotografía como para o sistema de verdades contemporáneo, na súa maior parte construído sobre os medios de comunicación. “Non deixes que a verdade che estrague unha boa reportaxe”, dicía Tony Curtis desde o seu personaxe de Sex and the single girl, un filme de 1964, con Natalie Wood. 

Hai xa moitas décadas que se vén proclamando, concretamente desde a crise do realismo nos anos setenta do S. XIX, o que denominamos quebra da alianza entre a linguaxe e o mundo.

Marcel Proust pasa por ser o derradeiro en levar até o límite a tentativa de reconstrución dun ambiente a partir da palabra. A súa épica da intimidade logra xustamente o seu título na derrota. Sabemos que o devir non pode ser xamais reconstruído,  nin de xeito sincrónico nin de xeito diacrónico.

As cámaras e a multiplicación do que denominamos perspectiva fannos ver até que punto a verdade é sempre un sentido, o sentido de verdade. A repetición e a variación de perspectiva fainos evidenciar con que rapidez muda o noso sentido de verdade.

Mais o feito de que Proust fose a demostración desa imposibilidade ten unha consecuencia práctica: non tanto que A PALABRA NON RECONSTRÚE MUNDOS PERDIDOS como que A PALABRA CONSTRÚE REALIDADES. E se el, certamente, non foi quen de reconstruír Balbec, que xa era un lugar inventado a partir da súa memoria da Normandía estival, nin Combray, nin sequera París, si foi quen de facer que o seu lectorado soñase eses lugares, na evocación dunha memoria contaxiada. De feito, fronte ao aserto lacaniano de que “o Real é inefable”, a “realidade” emerxe como o xogo de representacións simbólicas que tentan un reflexo e un eco de ilusións que poidan substituír, imaxinariamente, o Real. De maneira que poderíamos dicir que toda realidade non é máis que a tentativa, sempre no plano do simbólico, de dar conta falaz dese Real inefable.

Volvendo á frase de Nietzsche, “se a arte e a realidade non concordan entre si tanto peor para a realidade” digamos agora que non podemos estar máis de acordo. A arte como tentativa de mostrar trazos dese Real inefable, como rotura nos dominios do Real e que deixa entrever un algo polo fondo, e a realidade como deturpación, sempre como aproximación. Porque que nos impide entender que o que Nietzsche nos di sexa: “se o Real e a realidade non concordan entre si tanto peor para a realidade”.