Encomio do sireo e da cidade asulagada

A idea da antropoloxía idealista da cidade como estrutura moral e do seu espallamento por arrabaldos e centros tiña a súa orixe nunha imaxe alegórica da urbe como doutrina, como consecuencia visible do ideal subxacente.

As cidades medievais conducían a unha praza onde se erguía unha catedral, coa súa planta de cruz e o altar no mesmo centro, lugar de intersección da horizontal e a vertical, sempre maior a vertical para dar conta da preminencia desa relación desigual entre os humanos e a divinidade.

A cidade moderna derivou nuha urbe centrada nun ensanche onde a cruz converxía agora nuhas rúas con comercios e mercados que substituíron a Cristo polo capital, novo deus a ser honrado nos templos dos bancos.

O proxecto actual de converter a Porta do Sol no centro simbólico da cidade, logo de décadas de ser o seu centro real, paréceme de raíz a culminación dun ideal moderno, laico e democrático.

Outra cousa ben distinta é como se estea a realizar e as escollas entre as alternativas posibles, sempre dun poder escuro, falto de transparencia e xordo ás propostas cabais da cidadanía.

Como todo centro a praza resultante xa ten un altar, a grandiosa escultura de Francisco Leiro representando a mestura de cetáceo con humano que chamamos Sireo.
Temos falado das cidades como lugares imaxinarios que, alén da súa materialidade, se proxectan sobre todo nos afectos e nas lembranzas. Vigo é, desde hai xa moitos anos, a cidade do Sireo, por máis que mentes pigmeas tentes enfrontalo a un ridículo sucesor, de mal nome Dinoseto.

O Sireo ten, entre outras condicións simbólicas unha, especialmente importante: nada por enriba das nosas cabezas a nove ou dez metros de altura, convertendo a cidade de Vigo nunha cidade sulagada. Nun país, Galicia, nunha nación de cultura propia e secular enchida de lendas de cidades sulagadas, o regalo de sentido que o artista lle fai á cidade é inmensurable.As historias de Vilaverde, Antioquía, Traba e moitas outras máis recentes provocadas polo encoros hidroeléctricos asoman neste altar do imaxinario nacional. Como ben dixo F. Nietzsche “se a arte non se parece á realidade, tanto peor para a realidade”.