Un convite a camiñar nunha mañá aínda neboenta. A madeira destes corredores vaise renovando cada certo tempo e é frecuente nalgún momento do ano, sobre todo despois do inverno, encontrar este chan entaboado ocupado pola area, recordándonos que as vontades dos humanos, representadas por estes carreiros rectilineos e seguros, nada poden contra os episodios do caos e a continxencia. Un modo de conservar a natureza dos areais atlánticos, episodios dun encontro entre o vento e o continente, entre o mar e a terra, berce de flora e fauna singular.
Os percorridos pola praia, co mar á dereita e o sol a aquecer estas gándaras húmidas, erguendo a bafarada constante que ha cesar ao mediodía, encontran máis ao fondo, logo de traspasado o horizonte, reunións de grupos en roupa deportiva que saúdan o día e o sol da mañá, antes dun almorzo frugal e cereal, no benestar que sucede a unha sesión de meditación transcendental. Ollámonos de lonxe e sorrímonos sen chegar a saudarnos, mais na complicidade de quen sente que partilla unha mesma atitude, unha disposición semellante. Somos persoas chegadas até aquí para descansar ou para curar, non necesariamente de patoloxías reveladas e incapacitantes, mais si das cargas de fatiga e de presión dos nosos ciclos anuais.
Moitos anos cando chega a primavera desprazámonos ao lugar en estadías curtas de fin de semana, para volver sentir o motor do mundo, calibrar a maquinaria colosal do firmamento da que non somos máis que unha minúscula engrenaxe e reparar as chagas e os óxidos do metal enferruxado.
Unha comunidade balnear, de ioguis e de paseantes, de espectadores e de oíntes do espectáculo sen fin do mar libre, do oceano desatado, a falar en diversas linguas, mais que encontra no silencio o seu modo máis habitual de comunicarse, o propósito dun xexún de semiose. Unha parada na emisión sen pausa, un receso na recepción continuada.
Pode que algúns teñan exercicio de silencio e percorran a praia co propósito de encontrar o suxeito adormecido debaixo da linguaxe. Ese silencio que os devolve ao estadio anterior da súa propia construción como persoas, ese silencio primario e necesario.
