Caprae laus

A cabra sempre foi para min un animal totémico, unha especie de esfinxe que ten máis incidencia nas nosas vidas polo que representa que pola súa mera figura, pola súa disposición, pola súa traza. Pan, que era un fauno, e deus da música selvaxe, era metade home, metade cabra. Zeus, de neno, foi aleitado por unha cabra. 

O grande poeta galego do idilio, Antonio Noriega Varela, chamáballe gado miúdo e a min sempre me pareceu moi elegante esa denominación. Por unha banda o gado (de ganatus, en latín) e por outra miúdo, de pequeno tamaño, con pouco volume. Fronte á vaca, por exemplo, esoutro animal totémico de moito maior envergadura.

O feito de estar vinculada inicialmente aos idilios de Teócrito e aos pastores da Arcadia vén dicir que noutro tempo representou unha alegría e unha comodidade para os humanos que acompañaba e que fornecía de leite e queixos e requeixos.

Sempre imaxinei as regaladas festas de que fala Noriega como longas sobremesas con cantos, percusión e instrumentos de vento nas que se inxerían froitos secos e silvestres e mazás acompañados polos lácteos producidos por estes animais pacíficos e honrados. Acaso protexidos do asedio dos lobos no inverno por un gran pastor dos Pirineos.

Animais de moita utilidade para a limpeza forestal, aprezados pola súa finura na roza de montes e polo aproveitamento da masa vexetal na produción final de leite, adaptados como están a comeren arbustos e poliñas e follas coriáceas, propias de medios secos ou montañosos, seica foron domesticadas alá no norte de Irán, hai, se cadra, máis de dez mil anos. É sabido que lles debemos unha parte substancial das proteínas inxeridas  desde entón e, tamén, da protección contra os fríos da invernía.

A cabra, ou xema ou godalla, é a femia, como é sabido, do cabrón, tamén chamado bode, castrón, chibo ou godallo e nai do cabrito ou cabirto ou cabuxo.

O día que teñamos goberno de Galicia, e non esta forma de podredume con traxe de xastre empeñada en rematar coa nación, deberíamos aumentar a súa presenza e coidado no país, mesmo como utilidade para a conservación forestal.