Venecia é un prato moi forte para calquera estómago fotográfico, unha esquisita lamprea con castañas e chocolate que asegura non tanto unha longa sobremesa como unha interminable dixestión. A súa presenza espectral e nebulosa, onírica e escura, é tan perceptible que mesmo as fotos tiradas ao azar certifican ese algo vaporoso que deixou de ser sólido e tanxible hai moito tempo mais que segue ancorado ao lugar, como se quixese animarnos a crer nalgunha sorte de fantasmas e de esoterismos.
Por iso ten algo de irreal e de soño, de escenario dos mitos, de tarima para representación de si mesma, de palestra definitiva das traxedias do mundo. O grande Pere Gimferrer escribira aquela “Oda a Venecia ante el mar de los teatros” que remataba coa idea de que aquí o mundo non pode soportar a súa ansiedade de ser fermoso. E velaí o envexable papel dos humanos como espectadores do mundo, como hermeneutas.
Hai algo de desfeita e de infortunio neste teatro das emocións e dos afectos, de desmesura elexíaca. Ningún outro lugar integrou o tráxico e sublime dese xeito.
Unha das imaxes que máis me emocionou da cidade foi a dun sepelio. A particular comitiva funeral de traslado dun cadáver para ser inhumado, que acrecenta ante os ollos dos foráneos o espectáculo de todo ritual tanático.
Unha góndola negra, un cadaleito negro no seu centro, debaixo dun dosel tamén negro, guiada por tres banqueiros remadores, camiño da illa de San Michele, cemiterio do lugar.
E, detrás, outra góndola negra cun pequeno grupo de instrumentos de vento interpretando unha marcha fúnebre. A seguir, numerosas góndolas cos parentes e amigos da persoa falecida. Imposible non sentir a emoción dese instante. Caronte río abaixo, ingresando na lagoa. O adagio assai da Heroica de Beethoven. Rosas brancas, aves do paraíso.
De feito, máis que un enterramento parecía a representación dun enterramento.
Porque iso é o que caracteriza a Venecia. A constatación do mundo como representación.
Os humanos como produtores dun infinito teatro para ollarmos e mostrarmos. Para ver e sermos vistos.
