Da imaxe dialéctica

Tiramos fotos para mirar o que non se ve, para encher de sentido o que nun principio é luz e sombra. A foto como percorrido desde a visión até a mirada, como transición da imaxe a impregnarse de significación. O sentido como a ponte que liga o simbólico e o imaxinario, o perceptivo e o intelectivo. 

Walter Benjamin concebiu o concepto da imaxe dialéctica, para tentar entender o comportamento da historia nas imaxes e o papel das imaxes na historia, e concluíu inicialmente que “o índice histórico das imaxes non só di a que tempo determinado pertencen senón en que tempo acadan lexibilidade”. Ou sexa, a imaxe dialéctica é aquela que reabre a ollada que a produciu á luz dunha ollada actual que lle outorga nova lexibilidade. Non se trata só de acoller unha imaxe do pasado senón de facer algo con ela, de refundala. A imaxe dialéctica é, por tanto, unha dialéctica de sentidos, un conflito de liñas de significado, un litixio semántico perpetrado pola historia. Un combate entre miradas. 

Porque unha das fontes que verten sentido é o tempo. O tempo como duración e como morada da memoria. Unha imaxe ruín e desprezable dunha época ida tórnase alfaia fotográfica do tempo presente. A foto antiga ten en si mesma este valor, como se o devir do tempo administrase unha plusvalía da imaxe, o seu valor engadido.
E non fai falta que pase moito tempo. Calquera instantánea pretérita pode adquirir nun momento dado un sentido insospeitado para nós.

Se, como vimos de dicir, unha imaxe dialéctica é unha contraste entre miradas,  a mirada, que é o que non se ve, precisa do auxilio da palabra para dar conta da súa mensaxe. Porque a mirada está feita de palabras. A écfrase da retórica clásica non era en realidade máis que glosa da mirada, a escrita do relato dunha imaxe. 

Esta refundación das imaxes, outorgándolles un novo sentido, é moitas veces obvia e espontánea, histórica e continxente. Dalgún xeito todos as imaxes son dialécticas porque na foto o tempo de produción é alongado, dista moito de merecer, mesmo na imaxe dixital,  o apelativo de instantánea. De maneira que unha imaxe é un combate entre sentidos, un conflito entre liñas de significado: a pátina do tempo.