No inicio do canto XXI do Purgatorio Dante fai que Estacio defina a arte de Virxilio, o seu mestre e escolta ao longo de toda a Comedia, dicindo que foi alguén que actuou “trattando l’ombre come cosa salda”, tratando as sombras como cousa sólida.
Dante exercita neses versos o coñecido tropo da sinestesia, a substitución da facultade perceptiva inicialmente visual por outra táctil. Algo que recibe como sombrío, carente de luz, pasa a ser dito como materia tanxible, un obxecto que se pode tocar. George Steiner comentando estes mesmos versos enténdeos como “que deu substancia ás sombras”, pasando agora do sólido ao substancioso, que tamén podería ser entendido, noutro exercicio de sinestesia, como o cambio do sentido do tacto polo do sabor.
Se puidésemos intervir neste diálogo xa extinto, elixiríamos “que deu sentido ás sombras”.
Carlos Marx deixara no Manifesto Comunista aquel achado poético-filosófico de que “Todo o sólido esvaece no aire”, verdadeiro moledo de deconstrución da ideoloxía, nunha posición antagónica mais, no fondo, coincidente coa de Dante sobre Virxilio.
Temos, así, nun rápido paseo, as sombras convertidas en algo sólido, logo en algo substancioso, finalmente en algo con sentido.
Lacan, seguindo a Freud, sinalou o que el denomina goce de sentido, ou simplemente sentido, como a enerxía que conduce para o plano do imaxinario o que se manifesta inicialmente como simbólico. Decátase de que a palabra sentido tanto serve para definir as cinco facultades perceptivas das impresións producidas polos obxectos do mundo exterior como a facultade mental que permite entender as cousas. Pasando, dese xeito, do plano perceptivo, que na súa xerga será simbólico, ao plano intelectivo, agora imaxinario.
Todo isto vén a conto de que o exercicio do fotógrafo, supostamente espectral e cinexético, é sempre, e sobre todo, produción de sentido.
O que inicialmente só é visión, no plano óptico captado pola cámara, convértese en mirada no plano do imaxinario.Porque a máquina de producir sentido non é a máquina que tira a imaxe senón a humanidade (comezando polo fotógrafo) que a mira.
