A poesía é un andar errante polos camiños da linguaxe. Un extravío polas sendas do simbólico e do imaxinario.
Hai poesía en todas as linguaxes que coñecen os humanos. E por iso a poesía é limítrofe do erro, do desvío. O poeta é, claramente, un humano desorientado, un extraviado. Un navío ao pairo da ventura da linguaxe. Lembremos aquel aserto dos surrealistas: o erro sempre mellora o texto.
A primeira consecuencia podería ser dicir que o poema é un texto errado. Mais cabe tamén dicir que “texto errado” é unha redundancia. Porque o propio do texto é errar, e que o seu limite absoluto de perfección e de beleza é o Real, o imposible de ser tecido, o inefable.
O Real é, por tanto, a marabilla. Non confundamos Real, así con maiúscula, con realidade, sempre a tentativa de traspasar ese Real para as linguaxes, como dicía Borges: eses simulacros.
Lembremos aquel aserto de L. Wittgenstein: “non como o mundo sexa senón que o mundo sexa, iso é o místico”. O texto é claramente un tecido.
Alvaro Cunqueiro escribiu un poema, “O regreso de Ulises” onde leva ate o límite este paradoxo: o texto destecido. O poema evoca a Penélope a tecer e a destecer un pano mentres espera por Ulises. E o propio discurso do poema, nun achado xenial, xoga a tecerse e a destecerse.
O texto como tecido pode ser un luxoso tapiz, feito con toda clase de habelencias e finuras, materiais excelentes e delicados, ou un humilde farrapo. Sexa o que for, e como o for, o tecido do texto como o do tapiz, non pode chegar xamais a suplantar a marabilla do Real, por mais que se engada de inmediato ao propio Real.
Que os libros forman parte do Real, claro. Mais o Real dos libros é soamente papel e tinta. A Biblia a falar de Deus ou D. Quixote dun cabaleiro errante e namorado non son óbice para que poidamos crer que un restaurante de estrada por Castilla-La Mancha sexa aquel no que o fidalgo e o seu criado almorzaron nun capítulo concreto. Porque ese lugar e esa escena e esas personaxes só existiron no imaxinario.
A mirada tamén é un tecido, moito máis difícil de desentrañar.
