Paisaxe da derrota

Ese feixe de luz de raios perceptibles que se filtra sobre a escena levantando o neboeiro da mañá, a chegada dos cabalos e dos cans polo camiño, a avenida das árbores do río sinalando un dos eixes principais, semellan vertebrar un certo sentido épico do que vemos.

Trátase, porén, malia o aparente paradoxo, dunha épica de paz, dunha épica bucólica. Non hai armas no lugar. Mais si que hai un evidente conflito. Non só o sol que se aventura polo ceo encapotado mentres aquece esta paisaxe da derrota.

“E quen nos vai valer, Terra de Montes? 

Quen mirará por nós, xardín do esquecemento? 

Quen virá nos gorentar, viño do olvido?”, 

escribira eu non hai moito. 

O home que goberna a comitiva estivo mais de trinta anos no exilio económico da emigración, por Franza, por Suíza, por Alemaña. Agora xa liberado de obrigas laborais, conseguiu voltar á terra. Falamos do país helvético, en tantas cousas semellante a Galicia.

E falamos do abandono destas terras de promisión, negadas polas políticas da agricultura, da gandería, da pequena industria. Dun mercado que mantén os prezos desde hai máis de trinta anos e que redunda na partida da pobación máis nova. Da ruína das explotacións agrícolas e gandeiras, programada desde as políticas neoliberais, tanto galegas como europeas. Da política de construcións e monumentos, disfrace do esquecemento de obradoiros e factorías que revitalicen o tecido económico local. Do retroceso espectacular para o rural galego durante os gobernos do PP. 

Penso na profunda falta de elegancia dos traxes de Feijóo, unha falta que non é só estética senón moral. 

Na necesidade dun impulso ao desenvolvemento coa creación dunha banca pública galega. Na necesidade de reverter a situación. No imposible mantemento da monarquía no estado Español, non pola puxanza do republicanismo senón pola torpeza dos reinantes.

O sol segue a brincar sobre o río e as veigas mentres nos despedimos. O termómetro a ascender algúns graos. Os cans aproveitan para quentar o corpo sobre o asfalto. Os cabalos a tiscaren no prado o céspede mol.  

Terra de Montes, 

xardín do esquecemento, 

paisaxe da derrota.