Nosa Señora do Alivio dos Extraviados

O interior dunha capeliña rural nunha estrada secundaria portuguesa. Un espazo pulcro, sombrío e, ao mesmo tempo, co contraste da luz opacada do serán. A soidade e o silencio animan a quedar, sobre todo se o que chega é un camiñante cangado de quilómetros. Sento e respiro. E aproveito para tirar algunhas fotos.

Hai décadas que deixei de ser crente e de frecuentar os lugares da fe. Mais non deixa de asombrarme a puxanza dese sentimento.

No caso presente o lugar ten esa pregnancia humilde que transcende no imaxinario de outros e acada sentido artístico. Unha arte popular e colectiva, anónima e herdada xeración tras xeración, que se centra nunha imaxe mariana e nun pequeno edificio conservado. 

A porta está aberta. Ninguén me interpela ao entrar ou ao saír. Máis ninguén se aproxima polo lugar. Unha austeridade medieval subxacente ao estoicismo da contrarreforma e unha produción de paz e de sosego, impropia dos tempos que corren.

Hai, con todo, un dato que agora me parece significativo: ao contrario das grandes superficies comerciais que inclúen un aparcamento como espazo engadido e necesario, o lugar non está preparado para a afluencia masiva de tránsito rodado. Pola contra, semella estar pensado para o caminante solitario que encontra nestes detalles o seu afago.

Nosa Señora do Alivio dos Errantes podería chamarse a deidade aquí honrada. Nosa Señora do Alivio dos Extraviados.

Dalgún xeito estamos a dicir que a vida errante e a vida extraviada son un excepción nos tempos que corren. Tempos de camiños, tanto reais como cibernéticos e ideolóxicos, que definen as nosas opcións e mesmo nos indican cal delas debemos escoller.

Ese comando de Axustes das ferramentas informáticas que nos forza a escoller, a decidir. Mais nunca fóra do propósito do programa. 

Unha rutina de edición de partituras que manexo trae a opción de Naturalizar, engadindo pequenos erros de medida na duración das notas, como se o son estivese a ser producido por unha persoa. Como a “humanización” das rúas do alcalde arboricida. Colonización dos significantes e das masas. 

Continúo o meu camiño, agradecido polo alivio da penumbra e do silencio. Nosa Señora da Resistencia.