Aparición de Penélope

Unha das hipóteses coas que vimos traballando nestas páxinas é a de que, do mesmo xeito que a visión está formada de imaxes, a mirada está feita de palabras.

Entre os argumentos probatorios estaría a écfrase clásica, figura retórica consistente na descrición detallada, de maneira que a conciencia lectora obteña o mesmo resultado na memoria que se viñese de ollar, de encher de sentido, unha imaxe.

A descrición para a construción de mirada foi unha das técnicas pegadóxicas máis empregadas ao longo da historia. A “Institución Libre de Enseñanza” tivo na descrición de paisaxe un dos seus logros mais celebrados. As obras dos autores do noventa e oito español están cheas de topografías, descricións de lugares, mesmo como técnica para obteren o estado de alma que, panteísmo krausista aparte, gobernase nese espazo. 

A historia da pintura fornécenos de centos de mostras tanto na arte medieval ou do Renacemento como na arte moderna, con exemplos tan logrados como a Primavera de Boticelli, o Gran Vidro de Marcel Duchamp ou, de regreso, o Filme de Samuel Beckett, exemplo dun literato pescudando no cine e na fotografía como terreo do seu propio crecemento.

Encontrei nestes días a descrición de Penélope baixando a escalinata nunha das primeiras rapsodias da Odisea. E tiven a impresión de que Homero exercía, con máis de vintecinco séculos de antelación con respecto á invención do cinema, de guionista cinematográfico.

Deixóvos aquí, na versión galega de don Evaristo de Sela, o inicio do texto revelado. 

“E ENTÓN DESDE O ALTO DA CASA, A DISCRETA PENÉLOPE, FILLA DE ICARIO, SENTIU AQUEL CANTAR INSPIRADO E BAIXOU DO SEU CUARTO POLA LONGA ESCALINATA, POR MÁIS QUE NON SOA, QUE CON ELA VIÑAN DÚAS CRIADAS DO SEU SERVICIO.

AO CHEGAR DIANTE DOS PRETENDENTES, AQUELA MULLER DIVINA ENTRE AS MULLERES, PÁRASE DIANTE DA COLUMNA QUE SUSTENTABA O SÓLIDO TEITO. UN ESPLÉNDIDO VEO CAÍALLE SOBRE AS MEIXELAS E A UN LADO E OUTRO DELA ESTABAN AS SÚAS FIEIS SERVIDORAS. ENTÓN COS OLLOS CHEOS DE BÁGOAS FALOULLE AO AEDO DIVINO…”

En cantos filmes non temos visto esta que os narratólogos denominarían “función baixada de escalinata”.