Tempo atrás intereseime pola luz do mar do norte. Foi a raíz dunha viaxe ao Reino Unido e como consecuencia de músicas que me pareceron impregnadas dun determinado tipo de luz. Xa se sabe que música é unha palabra que deriva de musa, como museo.
Pensei, en primeiro lugar, na disputa entre Verdi e Wagner. A medida pitagórica e as súas consecuencias na harmonía fronte a ebriedade do bretemoso e do indefinido. O consciente e o inconsciente.
Interésame a música como ambiente. Wagner fronte a Verdi. O neoliberalismo incrementou a aposta por Verdi. A melodía e o ritmo como símbolo da plusvalía, como símbolo do plus de goce. Wagner aposta por escoitar o rumor de fondo da conciencia. Verdi só apunta o beneficio. Os incrementos na columna do haber. A Wagner interésalle a flutuación, as oscilacións, a intensidade. Graves e baixos. Agudos e gritos. A vida. Verdi compuña para a burguesía nacente da Italia que nacía. Wagner para a nobreza suicida. Verdi semella querer reducir o espírito a mercadoría. É fácil facer unha lista de grandes momentos verdianos. Imposible a dos grandes momentos wagnerianos.
Verdi é quen de vender a súa alma en tres minutos de canto intensísimos. Rigoletto e Aída son coleccións de grandes arias. Wagner non cabe en poucos minutos. Demanda paciencia e tardes sen fin. Noites de lectura ou de traballo. É moi distinto o seu concepto de tempo. Dos tres deuses gregos do tempo (Chronos, Kairós e Aión) Wagner prescinde de Chronos, o tempo mesurado, e aposta pola inspiración e a eternidade. Verdi pode prescindir ás veces de Aión, cando se banaliza e entrega ao chabacano, mais nunca de Chronos. Wagner é un culto solemne e enigmático aos deuses invisibles. Verdi é unha inesquecible verbena siciliana.
En Wagner aspiramos inciensos opiáceos que nos hipnotizan e reducen a un herdo prolongado por xeracións e xeracións. En Verdi embebedamos con tintos da Campania e namoramos na súa quentura estival.
Todos somos wagnerianos e verdianos. Resulta inevitable. Mais nunca ao mesmo tempo. Sería celebrar unha verbena nun templo ou un rito sacro nun campo de festa. O sol de Creta sobre o Mar do Norte.
