Caligrafía das árbores e contrapicado místico

Desde hai certo tempo interésame a caligrafía. É, con certeza, unha reacción á actividade das máquinas, cada vez máis presentes na produción de imaxes, que tenden sempre a reiterar, anulando o valor de irrepetible do manuscrito. E entendo por caligrafia (etimoloxicamente grafía fermosa) o percorrido realizado por un suxeito que se expresa ao longo e ao largo dun espazo. Non ten por que ser un suxeito humano quen realice o trazo. Pode ser un movemento natural debido á chuvia, ao vento, a algún percance. Un acto executado, non importa por quen, de xeito espontáneo e inesperado que ten como consecuencia un grafo. 

A escrita humana, aínda sendo produto dunha formación e dunha insistencia, non perde nunca ese carácter continxente e é sempre a afirmación dun suxeito transido pola temporalidade. Escribo sempre a man, aínda que logo refaga os manuscritos por medio da computadora. E constato que o texto producido pola man ten sempre unha entidade e un poder que se introduce dun xeito moi sutil naquilo que se relata. Dalgún xeito esta presenza do Kairós (da temporalidade en tanto que ocasión) é o que lle dá un sentido ao trazo como Aión (da temporalidade como eternidade). 

Nesta foto, por exemplo, sobre un fondo de néboa branca, aparecen unha serie de trazos, uns de orixe natural e outros de orixe humana. Entre os humanos, un semáforo e unha estátua, o primeiro representa un proxecto industrial, construído numerosas veces sobre un modelo definido, e o segundo, un fito que, aínda non sendo enteiramente orixinal, produce un sentido de irrepetible pola ubicación e a solemnidade.

Logo están as árbores, erguidas no seu voo polas alturas como un acordo entre a procura da luz, a resistencia do vento e a axuda da auga.

A árbore como un percorrido narrativo canónico greimasiano. O tempo, a semente, a luz, o vento, a auga, o froito. O destinador, o suxeito, o obxecto, o agresor, o adxuvante, o destinatario. 

E finalmente está o ollada humana que establece a perspectiva e lle dá un sentido á imaxe.

A árbore é, claramente, un modelo caligráfico, o que nos interpela neste xénero do contrapicado místico.