Da escoita e a mirada

Encontro confortable ese lugar en que a fotografía se encontra coa pintura porque creo que é o espazo de síntese e crecemento da arte común do escópico e o visual.

O seu fundamento reside niso que chamamos mirada, ese templo invisible en que a imaxe se encontra co sentido.

Xa temos dito que, do mesmo xeito que a visión está feita de imaxes, a mirada está feita de palabras. E por iso é histórica e continxente. 

Dicimos que a visión, que é imaxe, se torna mirada no momento en que adquire un sentido. A mirada e a visión son totalmente sincrónicas mais podemos advertir a súa progresión no momento en que algo carece de sentido. Unha imaxe borrosa que non acertamos a identificar, a localizar na nosa memoria ou no noso entendemento. Ese é o instante de vermos sen mirar. Hai un simple funcionamento óptico dos nosos organismos biolóxicos, mais os sentidos non conseguen conectar coa intelección. Do mesmo xeito que a visión é autónoma da mirada tamén a mirada é autónoma da visión.

É o que chamamos mirar sen ver e que ten cinco camiños posibles: a cegueira, a ficción, o soño, a lectura e a ideoloxía.

Dicimos que a mirada está feita de palabras. Outra das probas é sen dúbida a lectura. Ler é unha actividade hermenéutica que nunca deixamos de perfeccionar. Nunca deixamos de aprender a ler.

Ademais, do mesmo xeito que distinguimos entre ver e mirar, temos que distinguir entre oír e escoitar. Oímos moitas cousas que non escoitamos e escoitamos moitas cousas que non oímos. Esa diferenza entre o oír e escoitar fundamenta o que denominamos fonética e fonoloxía.

A escrita é unha operación conxunta de escoita e mirada. O mesmo que a lectura é unha operación conxunta de mirada e escoita. Falamos das voces dunha novela ou dun poema. Son voces que non se oen, mais que se escoitan. 

E rematamos: se a mirada está feita de palabras, a escoita, igualmente. Palabras como significantes visuais ou auditivos. A escrita e a lectura como os lugares de reunión da escoita e a mirada.