Mecánica e existencia

A metáfora e a metonimia están entres as mellores ferramentas con que contou nunca a humanidade. Vexámolas en dous planos: horizontal e vertical.

No plano horizontal, que é o plano do tempo e da linguaxe, cada unha das unidades que circulan pode alterar a súa posición. Nunha autoestrada, por exemplo, circula un camión seguido dunha moto.

No plano vertical, que é o plano do tipo e da especie, hai numerosas opcións que poden substituir as unidades presentes. Na mesma autoestrada do exemplo agora circulan unha furgoneta e un turismo.

Tanto podo CONECTAR  os vehículos, e pór a moto diante do camión, como SUBSTITUÍR o camión polo turismo, por exemplo, e/ou a moto pola furgoneta. Mais o resultado será o mesmo: dous vehículos circulando.

E velaí as dúas expresións: conectar (metominia) e substituír (metáfora). Esta teoría, de Lacan nos anos 50, foi logo revisada e matizada, mais para o caso segue a ter o seu valor. 

No maxia, desde os tempos d’A Feiticeira de Teócrito, substitúese a persoa por un boneco ou conéctase por unha pertenza (un pano, un cabelo).

A cámara fotográfica é unha de tantas mostras deste emprego creativo da metáfora.Tratábase de pórmonos algo diante dos ollos que captase o mesmo que estábamos a ver, mais agora dándolle carácter de escrita. Xa sabemos: Verba volant, Spripta manent.

Así que a cámara fotográfica converteuse nun instrumento moi especial que consegue realizar unha impresión directa do mundo, sen precisar, como no caso da pintura ou da escrita a man, dun intermediario. O cristalino como sistema de enfoque, a meniña ou pupila como obturador, a retina como sensor.

A máquina fotográfica foi posible porque o ollo, tamén, é unha máquina. E esa nova máquina, a máquina de fotos, non foi máis que unha metáfora do ollo.

Conseguimos recrear o ollo, mais non conseguimos recrear do mesmo modo a nosa ollada. Ver non é importante. Mais mirar non pode estar fóra de control.