non sei que dixo Nietzsche que todos o aclamaron
e púxose bailar
a tarde viña espindo o corpo de xaneiro
e había unha nostalxia de andoriñas nas luces do solpor
e dixo o mestre ingrato xa ebrio pola danza
miña terra miña terra
terra onde me eu criei
e dáballe por rir ferido de cervexa
e eu díxenlle cabrón
e el díxome Venezia
no tempo que duraban aquelas melodías corría desde o fondo da sala
á porta que se abría a unha varanda
disposta contra o ocaso
e tiña unha furtiva laranxa na súa man
dereita algunha esponxa moi seca no interior
dos petos da chaqueta
e foi por máis champaña
entón houbo un silencio os músicos calaron
pensando que o meu berro era debido
a un duelo ou un litixio
e el púxose a bailar a todos saudando
igual que se levase a música no fondo da mirada
o mesmo que se o voo de oboes e de fagotes
prendese algún incendio polos montes
e eu díxenlle xa canso con ganas de partir
que morras unha noite dun cólico de sombra
