Ámame

Cando Jacques Lacan emitiu, na década dos cincuenta, a súa célebre afirmación de que “non hai relación sexual”, estaba a pór en ameaza de ruína un dos alicerces de toda a civilización occidental.

Desde O Banquete de Platón a Xesucristo, pasando polo Werther de Goethe, Petrarca e tutti quanti, un terremoto ameazou con derrubar a máis traballada catedral da nosa historia.

A lóxica da súa afirmación era moi simple. Se non hai “un” (e ese un sería o suxeito amante) tampouco hai “outro” (e ese outro sería o obxecto amado). O que tamén se corresponde coa súa non menos célebre definición do amor: “dar o que non tes a alguén que non é”.

O amor sería, por tanto, metáfora (relación de intermediarios) ou metonimia (vencello entre partes) mais sempre un vínculo no que tanto o “un” como o “outro” estarían ausentes.

De feito, segundo a doutrina da psicanálise, o síntoma non é máis que a resposta do suxeito á inexistencia de relación sexual. O amado como síntoma do amante. 

O curioso do caso é que, polo mesmo tempo, o primeiro esposo da segunda muller de Lacan, o non menos talentoso ensaísta George Bataille, difundía a súa teoría sobre  O Erotismo, para el sempre vinculado ao misticismo e resultado do afastamento humano do sagrado para se refuxiar nun mundo sen vida (o mundo do traballo en oposición ao mundo do desexo). E velaí onde xorde a violencia dun goce desmesurado á procura do éxtase, transgredindo os estreitos lindes dunha realidade cansina e ruín. Na sociedade empoderada pola represión do desexo, o suxeito erótico accede á interioridade do seu propio corpo, onde se lle revela o baleiro do ser, o non-ser do suxeito erótico, a morte. 

Vén todo isto a conto de algo que lin días atrás sobre un dos idilios míticos do noso romantismo: o de Nietzsche e Lou-Andreas-Salomé. Conta ela, interrogada sobre a súa relación con Federico: 

“Coñecino en marzo e o noso derradeiro encontro foi en outubro. Durante unha excursión ao Monte Sacro creo que o biquei. Iso foi todo”. 

Sobre ese tenro e, acaso, piadoso bico de Lou-Andreas a Nietzsche téñense vertido ríos de tinta. O amor como síntoma e a demanda mútua dos amantes: “Ámame. Converte o meu fantasma no teu síntoma”.