A borra de mirar

Un dos estímulos da fotografía é a determinación da ollada. Que non tanto o ollado como a forma de mirar teña un estatuto ontolóxico. Non só que os obxectos adquiran novas propiedades, se as tiveren, como que a ollada, iso que non se ve, sexa perceptible.

O fotógrafo pode e debe aspirar a que a súa mirada conste, non nunha senón en moitas fotos. O trazo da mirada. A mirada como bosquexo, como borrancho do tránsito do mundo. A mirada como borra da existencia.

A borra é o pouso que o viño tinto  ou o café deixan nas cuncas de cerámica branca, eses restos que, ao seren movidos, dan lugar a distintas figuras. Non é nada sólido, aínda que poidamos intuír partículas que ralentizan o movemento e permiten capturar perfís insospeitados, verdadeira maxia popular de furancho. A borra caraterízase non tanto polo ser como polo ter sido. O líquido fenecido relembrando a súa perdida solidez. 

A borra é unha marca de ruína. De borra vén borralla, sinónimo de cinza. A ollada do fotógrafo aspira a ser, tamén, esa borralla.

O fotógrafo bebe o caldo das imaxes do mundo e deixa como resto a súa borra, o seu proxecto de ruína. O fotógrafo embriagado pola luz que aluma o mundo, que o clarifica, que o esclarece. Esa ebriedade de luz que está tanto detrás da lucidez como da alucinación. A chispa do obturador que abre e fecha a captura fotográfica como a chispa da ebriedade, da bebedeira de luz do cameraman. 

Que a mirada do fotógrafo sexa un proxecto de ruína implica dúas cousas: primeira, que, aínda que se produza nun momento, é sempre espectral, e segunda, que esa espectralidade para existir ten que darse previamente como deseño, como designium, palabra máxica que apela a un algo inmaterial. O fotógrafo é aquel que, evadido da caverna de Platón, farto de ver sombras, descobre que as figuras que proxectan as sombras son obxectos da distancia, inaccesibles. 

O fotógrafo é ese designium, a vontade que se precipita sobre os fenómenos para recollelos, resignalos e certificar que o humano é vértice do mundo que se mostra porque el o mira. E que non hai ollada sen ollo, nin ollo sen existencia.