Do cabaleiro da dúbida no peito

Hoxe falei co Cabaleiro da Dúbida no Peito. Había tempo que non o vía. Segue a ter o mesmo aspecto de cando o retratei, de personaxe barroco de ollos escuros e fixos e intelixentes, a barba desigual, que medra en liberdade, sen ningún tipo de arranxo, até que, ao cabo dunhas poucas semanas, comeza a darlle aspecto de indixente.

Dixo que estaba a seguir a miña Guia de Extraviados e que se sentía referido aínda que non o mencionase. E que moitos dos temas lle lembraban as nosas pretéritas conversas no café de sobremesa con Carlos Oroza.

Argumentou que o extravío e o desarraigo son os grandes temas da modernidade desde o flanneur de Baudelaire e citoume uns versos que Carlos sempre nos repetía, mesmo como mantra da súa actitude de elevación, que era tamén de profundidade (xa se sabe, canto mais alto o observador máis profundo vese o mundo): “Necesito algo que no sea humano, algo verdaderamente inocente e imposible”.

Noteino preocupado pola pandemia. O certo, dixo, é que xa imos tendo uns anos e que, aínda que nada disto nos afecte de momento a ti ou a min, polo camiño fomos perdendo unha chea de referentes vitais e afectivos. Xente da nosa idade, que estaba aí e que agora xa non está, que vai sinalando pouco e pouco o camiño, como se quixesen ser os nosos precursores, os nosos pioneiros, na definitiva viaxe de regreso ao misterio e ás tebras.

Lembroume a vez que coincidimos en Roma, hai máis de corenta anos. Os paseos por Piazza Navona.  A taberna popular onde comíanos a diario pasta con verduras e bebíamos o clarete dos deuses. Preguntoume pola nosa amiga, bibliotecaria ela, da que non volvimos saber. Mesmo o seu nome, tantas veces repetido, foise sumir no esquecemento. Acordábase dun retrato que nos fixera na Fontana de Trevi. Nós tan novos e recentes. E inocentes. Seica anda a escribir un ensaio sobre a contrarreforma marxista e o exilio da esquerda lacaniana. O Cabaleiro da Dúbida no Peito. 

Remexendo, encontrei esta foto, dalgúns anos despois, que podería dar conta das sombras desa espectralidade que tento describir.