Noticias do lugar do paraíso

Teño que admitir que pasei por aquí, representante da suposta especie superior da natureza, dedicada a ollar e a interpretar, aquela que foi quen de inventar a escritura como forma de conxunción entre o que oía e o que vía, a única que se atreveu a escoitar mirando e mirar escoitando, por medio dos grafos que producía, sen advertir este lugar da Terra de Montes, pumariño descendente para o río, lugar de idilio e fantasía. 

Estiven tempo atrás, unha mañá de inverno e vendaval, ocupado noutras buscas e procuras, sen tempo para determe, e gardara no máis fondo da conciencia, nese punto que antecede o esquecemento, a noción deste lugar, como quen garda un segredo vital, unha sorte de talismán para abrir unha cancela, unha porta, e acceder ao Paraíso.

Mais hoxe volvín para facer o retrato. Pretendía algo que está vivo, algo que anima a residir aquí, a caer para ese río, nunha sorte de mestura, tan ideal como imposible, que permite alternar a fatiga do corpo co vigor das árbores novas.

E tomei unha ducia de fotos, case todas moi semellantes a esta, para comprobar máis unha vez a distancia que nos separa do mundo, esa fenda insuperable entre as cousas e nosoutros, entre o corpo e a conciencia, esa quebra que nos determina e nos aílla na nosa soidade ontolóxica de espíritos mundanos, de espíritos errantes, condenados a vagar por estes montes.

Durante días non parou de chover. O inverno regresou en plenitude, disposto a evidenciar a súa presenza. Trouxo un porte violento, de planeta ferido por esta especie hermemeuta que olla e interpreta sen deixar de estragar. Mais hoxe volveu saír o sol. 

Porque pode que este tempo sexa un tempo de vinganza, de rebaixa dos nosos delirios de dominio, dos límites dos nosos corpos, que son reais, sempre máis estreitos que os límites dos nosos desexos. Da necesaria comprensión da finitude do corpo e da existencia. 

Nós a facérmonos medrar con máquinas e tecnoloxía ou a ampliarmos a nosa intelixencia, iso que seguimos sen saber que é, de xeito artificial. O Ego como a produción máis necia do capitalismo.