Do grito e do grafo

Esa condición de desarraigo instintivo da especie dos humanos, de perda de todo vínculo de orixe e de raíz, de soidade ontolóxica de partida, forzou a relación cun Outro que tería que ver coa linguaxe e coa cultura e co mundo do significante no seu sentido máis aberto. Os mitógrafos máis tarde apelarían á figura do anxo derrubado. 

E fomos Outro porque no espello non había que mirar, que non fosen os reflexos que impactaban sobre o espello. Nin nada que escoitar que non fose a reverberación do noso propio son. Os mitógrafos despois falarían de Narciso na fonte xunto a Eco. 

O animal escópico-invocante, con visión e locución, con tacto, con olfato, con sabor, que era quen de distinguir aromas e texturas, de gorentar diferentes formas de alimento, foi encontrando maneiras de determinar cada obxecto e cada experiencia por medio de signos, por medio de grafos e de gritos, que logo foron grafos de gritos e gritos de grafos, unha vez se soubo establecer a relación entre uns e outros. Unha vez se soubo separar a idea na mente do grito na boca e do trazo da man. E comprendeuse que era unha forma de lembrar que non lle pertencía a un en solitario senón que, antes e despois, por aquén e por alén, outros humanos dispoñan do mesmo recurso, deses iniciais dispositivos do grafo e do grito. 

E comprendeuse, entón, que o grafo non chegaba con velo senón que había que saber miralo, para entender o que quería dicir, e que o grito non chegaba con oílo senón que había que escoitalo.

E así foi como arraigamos no inconsciente, un saber estruturado como unha linguaxe, e, arraigando no inconsciente, arraigamos na arte e na poesía, esas matrices de gritos e de grafos, de ecos e reflexos. 

De tal maneira que ese animal estraño e errante, que fomos os humanos desde o inicio, tivo a primeira patria nos soños, que é tanto como dicir na palabra e nas imaxes. Os mitógrafos axiña falarían do Edén. 

Por iso somos os herdeiros da música e da mirada e, por iso, non nacemos no interior da natureza, como o resto das criaturas, senón no devir da historia.

Herdeiros que somos do grito e do grafo.