Sempre me fascinou a maneira en que Federico Nietzsche comeza o seu Zaratustra. Ese desembrague enunciativo que, ao xeito das sagradas escrituras, dá en poucas liñas co ton adecuado e que preludia algunhas das páxinas máis fascinantes da nosa herdanza cultural. A maneira en que o xenial evanxelista procede a presentar o vello anacoreta, que é o seu propio fantasma, o significante máis distante e profundo do seu propio suxeito: aquel que pon a falar por si e por un sen fin de voces diversas que alí fan coros ou ecoan.
“Aos trinta anos, Zaratustra deixou a patria e o lago da súa patria e foi para as montañas. Alí gozou do seu espírito e da súa soidade e durante dez anos non cansou”.
“Aos trinta anos” remite a un vello tópico. A tríade de décadas. Vicente Huidobro comezaría, despois, o seu Altazor coa frase: “Nací a los treinta y tres años el día de la muerte de Cristo”.
Dalgún xeito o Altazor é xa un diálogo co Zaratustra desde unha perspectiva máis poética que filosófica. Altazor é o anxo caído. Zaratrusta, o profeta do superhome e do eterno retorno.
O feito de o libro se poder ler como un extraordinario poema, facendo caso omiso dos mil e un acentos de natureza reflexiva e metafísica que nel se concitan, dá lugar a esta dupla, cando menos, fluencia no seu herdo.
Deixar a patria é unha cousa; deixar o lago da súa patria, outra ben distinta. As dúas en conxunto adquiren unha extraordinaria profundidade tráxica. Non esquezamos que para Nietzsche a profundidade vén da elevación e que é desde a altura como o mundo aparece como verdadeiramente profundo. Deixar o lago da súa patria evoca un conmovedor desarraigo.
En Solaris, de Stanislao Lem (lede a novela e mirade o filme de Tarkovski) a humanidade encontra intelixencia fóra da terra. Mais non en forma animal, senón como unha enorme masa de auga que ocupa a maior parte dun exoplaneta. Un océano que consegue rexistrar e variar a razón e a memoria dos humanos alí desprazados.
Como o lago da patria, o que Zaratustra abandona na súa anábase cara ás montañas. A vida como lenta ascensión que remata cun rápido descenso. Na miña memoria o Innesfree de John Ford e o poema de Yeats.
