Fillos de Saturno

O tránsito e a ponte son palabras tan cargadas de sentido que só con vertelas nun texto sabemos deseguida onde nos conducen. A palabra tránsito tráeme á memoria aquela sentencia da linguaxe eclesiástica proveniente de Tomás de Kempis: Sic transit gloria mundi. 

Foi empregada por primeira vez na coroación de Alexandre V, alá polo S. XV, nun rito no que o mestre de cerimonias que precedía o papa caía de xeonllos no chan brandindo unha cunca de prata cun farrapo de liño. Por tres veces consecutivas, cando a tea se consumía logo de arder proclamaba, con voz triste e poderosa: Pater Sancte, sic transit gloria mundi.  Santo Padre, así pasan as glorias do mundo. Estas palabras, dirixidas ao novo papa, tiñan como obxecto lembrarlle a natureza transitoria da vida e dos seus honores terrenais.

A ponte, pola súa parte, é símbolo de conexión, de xuntura, de relación, e vénnos lembrar que non hai identidade sen alteridade e que sempre é o Outro quen nos determina.
De maneira que a melancolía que puidese evocar a imaxe estaría moi próxima dun certo sentido: a fatiga do Eu.

Haberá quen poida ver nesta fatiga unha característica do mundo contemporáneo.
A modernidade, que trouxo consigo o capitalismo, ergueu o Eu como bandeira. Un Eu, branco e occidental, de falar poderoso e masculino, castelán ou inglés, que se expandía vitorioso e colonial por todo o mundo. Un Eu fillo da persoa kantiana, substituta do individuo cartesiano. Un Eu significante do suxeito freudiano suxeitado pola enunciación. 

Ese Eu era tamén un modelo de suxeito, atado a un desexo construído, conducido por un imán infinito que era, igualmente, o reflexo dunha falta sen fin. No nivel produtivo actual a satisfacción desa falta está asegurada para toda a humanidade nos seus niveis básicos de confort e de supervivencia.

Mais séguese a enarborar o Eu como engano para o consumo. E como consumo (ideolóxico) do engano.

Que sentido ten unha existencia escravizada para o consumo. O deus do capital enganounos: devecía por devorar os seus fillos.

Saturno, deus da melancolía.