Clasicismo

Desde os tempos de Heráclito aos nosos días o mar retirouse de Éfeso uns quince quilómetros. De maneira que unha das cousas que máis sorprende ao visitante é encontrar un longo peirao de columnatas con argolas para amarrar os barcos que dá para un terreo de herba. Alí onde se esperaba a superficie ondulante do mar hai un campo de céspede mol que só o vento fai tremelar de cando en vez.

Aparte da beleza singular o espazo ten unha aura arraigada que, por moi imaxinaria que sexa, parece volverse sólida e poder masticarse.

A esa emoción, difícil de considerar inicialmente, cabe chamarlle clasicismo. Unha conxunción de harmonías e equilibrios que, de partida, nin sequera se sospeitan, mais que xacen por debaixo como unha raíz a soster unha árbore inmensa. Un meu poema do ano catro, titulado xustamente “Fundación do clasicismo”, remata con estes versos:

“E velaí que apareceu o lóstrego de Éfeso, 

oh Éfeso a brillar, oh pedra baixo o sol, 

o día en que fundamos de novo o clasicismo”.

Noutro poema posterior titulado “Testamento Provisorio”, onde se fai un longa enumeración dun imaxinario legado, fálase de deixarlle “a Tiresias ou a Ulises os recordos de Grecia e a facenda sideral do clasicismo”.

Vivimos nunha sociedade maleducada nunha suposta modernidade que ve na cultura e na formación un privilexio social destinado a facer prevalecer as dominacións existentes. dominios que teñen que ver co mantenemento do poder. Nos últimos anos o modelo neoliberal tentou substraer da educación básica as linguas clásicas e a filosofía. Quebrar ese lazo é unha tentativa de furtar das ensinanzas públicas a lexítima aspiración de redención utópica, de procura de entendemento da nosa condición social e como humanos. De maneira que a descuberta de Grecia e do clasicismo, como contrapeso ao tempo que nos toca vivir, é sempre impactante.

Xa non podemos chegar en barco a Éfeso. Eses quince quilómetros que o separan agora do mar son toda unha metáfora. Mais o certo é que nos soños non deixamos de arribar a ese divino embarcadeiro, nos soños que verte en nós, en nosoutras, a facenda sideral do clasicismo.