Do límite

 

Erguerse de mañá cedo para ir traballar a Marcosende ten de cando en vez estes privilexios. Acaso a proximidade recente dos soños acompañe unha mirada surreal que busca alternativas á disposición convencional das cousas. Nesas circunstancias a caligrafía das árbores e o ceo continxente son sempre unha posibilidade de encontro co epifánico, co enigmático.

O firmamento sempre foi un excelente profesor de artes plásticas. Coñece todos os estilos e sabe levarnos desde o barroco ao expresionismo abstracto sen que lle trema a man no itinerario.

Manexa os brillos e os contrastes, a saturación, a exposición, a vibratilidade, e faino nun instante, con certeza, sen medo a errar e equivocarse.

As artes da fotosofía, como o seu propio nome indica, son discípulas da luz e dependen dos seus caprichos e fluencias, dos seus recursos naturais para a sorpresa. As leccións que nos deparan son sempre gratas e instrutivas, amigas a un tempo do deleite e do coñecemento.

Só nos cabe mirar e escoitar a palabra muda que nos impregna de silencio, porque é o puro falar do Outro. No fondo acceder á voz que nos resoa na conciencia. Como fixeron os humanos durante séculos e séculos antes de ficar envaidecidos polas máquinas e a técnica.

Recoñezo que este xénero do contrapicado místico con árbores filtradas e ceos tormentosos é facil de aprender e depara case sempre preciosos agasallos. Non hai máis que coller a máquina e premer o disparador ante a sorpresa. Primeiro dispara e logo pregunta. Mais é, ao mesmo tempo, un exercicio de humildade e de estoicismo na mirada, no que nos devolve a resposta: a nosa condición de especie desarraigada, sen vínculo de orixe e de raíz, de soidade ontolóxica á procura dun diálogo transcendente, que parte sempre do evidente e detense no inaudito, naquilo que a palabra que subxace na mirada xa lle advirte como límite.Porque diso é do que se trata: da finitude e da estrema, do linde, do límite.