Visca Catalunya!

O Real sempre regresa, Lacan dixit. Iso que está aí, tan próximo como inaccesible como inefable, sempre remata por demostrarnos que a nosa forma de representación non é a adecuada e que a nosa mirada está tinxida de ficción, de soño, de cegueira, de ideoloxía.

Desde hai máis de douscentos anos a burguesía española insiste na súa teima febril de que a nación é o mercado, porque, inmadura, non pode esquecer a súa infancia imperial,  a súa nenez de malcriada.

Mais hai un esquecemento interesado, unha forclusión, un olvido que a verdade (a-letheia, des-esquecemento) complica. O maldito Real que regresa.

O mapa do mercado (da “nación”) xa resulta sospeitoso. Primeiro, pola ausencia de Portugal (o anxo rebelde), que sempre lles dá a impresión de teren praias no oeste de Extremadura e Salamanca; como se a ausencia da República Portuguesa da cartografía fose, á súa maneira, unha expulsión das continxencias da climatoloxía e, por tanto, da historia;segundo, pola sorprendente proximidade das Illas Canarias, que semellan as Illas Cíes da baía de Cádiz. Se a cartografía está atrapada nun imaxinario (e unha ideoloxía) de conquista, o noso imaxinario (e a nosa ideoloxía) están atrapados á súa vez nunha espontaneidade cartográfica. A xeometría, como as outras ciencias, reprime e sublima, e escóndese a sí misma, a súa ancoraxe na area, a corda que a suxeita á pedra. A cartografía, non se pode separar da xeometría do poder e a conquista.

Celebro que a presión mediática do mercado-nación fracase unha e outra vez co Real en Catalunya. As certezas sobre as que se apoian son de fume ou foron reducidas a cinza. Centos e centos de horas de radio e televisión, destinadas a deixar o seu selo, con mensaxes recorrentes e obsesivas, convertidas nun esforzo inútil. Se a metade desas horas fosen destinadas a promover a lingua galega, estaríamos en perigo de cisma. 

“Cando camiñamos”, dicía Kafka, “esquecemos que en realidade estamos a caer”. 
Alguén dixo por aí: O peor non é a universalidade da ciencia senón a dos prexuízos; o malo non é a obxectividade das disciplinas científicas senón a “cientificación” da subxectividade.